A poesía de Méndez Ferrín pousa no castelán
Calambur edita nun volume cinco libros do presidente da Academia
"Non sei se os tradutores deben falar moito", comeza o poeta e ensaísta Manuel Outeiriño, canda a xornalista leonesa Eloísa Otero responsábel da versión bilingüe e anotada que publica Calambur, "con todo, o mellor desta edición é poder ler Estirpe cunhas notas que explican o que aconteceu en 1936 no Cambedo, ou cal foi a importancia real de Prisciliano". Os poemas de Ferrín comparecen en castelán acompañados dun aparello de glosa que esmiúza as múltiples referencias literarias, históricas, á propia mitoloxía persoal do autor ou políticas que inzan os textos e contribuén a diagramar o que o propio Gamoneda denomina, con certa agudeza, "materialismo histórico-visionario" do poeta. "Visiones que eran, de paso, verdades como puños", engade.
Na Poesía fundamental está o corpo central dos versos ferrinianos. Da xa instituída pedra fundacional da poesía contemporánea Con pólvora e magnolias (orixinal de 1976) a Contra maquieiro (2005), que viu a luz exento e en castelán en La Habana, coa intercesión do editor Constantino Bértolo, vai para tres anos. A Poesía enteira de Heriberto Bens (1980) -o heterónimo predilecto, e contundentemente combativo, do escritor-, O fin dun canto (1982) e Estirpe (1994) completan a tradución. "A pouco que fedellásemos, podiamos xuntar algúns textos menos coñecidos e agochados en publicacións colectivos e elaborar unha poesía completa", sinala divertido Outeiriño, "pero Ferrín decidiu que aínda era novo de máis para ter unha obra completa. E a nós pareceunos ben, claro".
"Este libro é unha historia de amizades", afirma, dende León, Eloísa Otero. Do seu empeño de traducir Con pólvora e magnolias, un labor que iniciou xunta Manuel Outeiriño cando deixou Galicia e que chegou ás librarías en 1994 da man da editorial Hiperión, naceu o proxecto actual. "Hai tres anos que estaba listo e foi Juan Carlos Mestre [poeta berciano, premio Nacional en 2009 por La casa roja] quen mediou coa editorial Calambur", lembra, "así que a amizade aparece por todas partes".
Para Otero, tamén poeta e mantedora do blog Isla Kokotero, en Poesía fundamental -cuxo epílogo redactou Outeiriño baixo o título Méndez Ferrín, poeta cimarrón- "aparece un poeta singular, pero tamén moitas outras cousas". "Non é poesía decorativa, senón que dá conta da vida e da humanidade", apón, antes de confesar que ela aprendeu a "ler a Ferrín grazas a Manolo [Outeriño]; son poemas, algúns, moi escuros, difíciles para alguén que non é galego". A xornalista láiase das escasas traducións da obra de Méndez Ferrín e considera que "é duro de ler na súa propia lingua". E garda na memoria lectora unha analoxía co prologuista do volume: "Para min hai dous libros fundamentais en España, Con pólvora e magnolias e Descripción de la mentira, de Gamoneda. Os dous datan de 1976 e os dous tratan da loita, da esperanza, da mentira, da traizón".
Outeiriño resume axiña os obxectivos de traballar nesta Poesía fundamental. "Da mesma maneira que El Bardo traduciu a Celso Emilio nos sesenta e tivo lectores, Ferrín pode ter lectores en castelán", opina. Porque "a noticia" dos poemas traducidos dun home "non moi interesado na autopromoción" atópase, antes de máis, "en que difunde a un autor que eu creo que é moi interesante".
En español
- Fría Hortensia y otros cuentos. Dezaoito relatos traducidos por Moncha Fuentes, Xavier Rodríguez Baixeras e Celina Suso Pasquier. Editorial Alianza (1999)
- En el vientre del silencio. A súa novela de 1999, traducida por Moncha Fuentes. Editorial Txalaparta (2002)
- Amor de Artur. Libro de contos de 1982. Versión de Moncha Fuentes e Xavier Rodríguez Baixeras. Editorial Impedimenta (2009)
- Arraianos. Relatos de la Raya, tierra de nadie. Esta compilación de relatos, orixinal de 1991, apareceu en versión castelá de Luísa Castro. Editorial Ronsel (1994)
- Con pólvora e magnolias. O seu libro de poemas máis emblemático, de 1976, foi traducido por Manuel Outeiriño e Eloísa Otero. Hiperión (1994).
- Contra maquilero. O seu último libro de poemas, de 2005, tamén en versión de Outeiriño e Otero, publicouse na editorial Artes y Letras de La Habana (2008)
No hay comentarios:
Publicar un comentario